Observatorio de prezos

Prezos de Galicia
Consulta os prezos pagados ao sector primario agrario

Acceder

O sector agrícola e gandeiro é fundamental tanto pola súa importancia no produto interior bruto de Galicia como no ámbito social, polo número de persoas que traballan neste sector e pola fixación de poboación, sen esquecer a necesidade de dotar á comunidade dos recursos necesarios para lograr unha alimentación equilibrada e sa.

Desde as administracións públicas,  existe unha aposta clara para dotar a este sector de todos os elementos precisos para manter a súa actividade e que esta sexa rendible e atractiva para a colectividade que vive dos recursos obtidos da súa labor.
Os obxectivos que se configuran para todos os sectores económicos, como son os de fortalecer, impulsar e mellorar a produción , a competitividade e a calidade dos produtos, toma unha especial relevancia no ámbito agroalimentario debido á estacionalidade de moitos dos produtos e dos medios de produción, ao sometemento ás condicións e variables climatolóxicas, ao desequilibrio nos distintos elos na cadea alimentaria e á propia dinámica dos mercados; o que ten unha incidencia directa no produto, no prezo e, polo tanto, en todas as persoas que teñen unha participación nesa cadea, desde a persoa produtora en orixe ata a consumidora final.

Partindo desta situación, e dentro dunha necesidade de facilitar a existencia dunha economía baseada no coñecemento, na transparencia e na innovación, a aposta pola aplicación de ferramentas informáticas no sector agroalimentario maniféstase cada día con maior intensidade, polo que é preciso dotarnos de elementos necesarios para levar a cabo esa transformación na accesibilidade aos prezos dos produtos como unha referencia fundamental para lograr que exista o equilibrio na cadea.

Xunto estes aspectos, non podemos obviar a existencia de circunstancias alleas a Galicia, pero que teñen unha clara incidencia no sector agroalimentario, provocadas por distintos contextos, como a volatilidade dos prezos, o incremento das materias primas, o alto coste dos insumos, a guerra de Ucraína ou os cambios na política internacional. Todos eles teñen unha incidencia directa nos costes de produción, na competitividade e na rendibilidade do sector.

Por eses motivos, é preciso impulsar aquelas medidas ou políticas dirixidas a manter o equilibrio e estabilidade nas relacións comerciais e na configuración dos prezos en orixe dos produtos agrícolas e gandeiros, mediante o acceso aos prezos de venda dos citados produtos.

Contar con esa información, que esta sexa accesible coas máximas garantías, rigor e transparencia permitirá adoptar as decisións máis correctas de xestión polas persoas operadoras dos distintos sectores, de forma que se logre manter un equilibrio entre o custo de produción e o prezo de venda, logrando a transparencia na cadea agroalimentaria e un valor engadido sostible e axeitado para todos os axentes.

Ao logro destes obxectivos está dirixido o Observatorio de prezos dos produtos agrícolas e gandeiros de Galicia, como unha ferramenta onde o sector produtor, transformador e da distribución dos produtos agroalimentarios interactúan de forma colaborativa conseguindo desta forma que todo o conxunto resulte reforzado.

Un dos factores críticos para manter a estabilidade son os prezos en orixe dos produtos. Coñecer estes co máximo rigor e transparencia fará posible prever e detectar a tempo as oscilacións e desequilibrios entre a oferta e a demanda, permitirá tomar as decisións máis correctas nos procesos produtivos e, en último termo, evitará que as persoas consumidoras asuman un sobrecusto inxustificado.

O Observatorio de prezos está aberto e accesible á cidadanía, sobre os prezos en orixe dos produtos agrícolas e gandeiros e permite que a cidadanía en xeral, e os axentes da cadea agroalimentaria en particular, poidan consultar con transparencia os contidos do Observatorio de forma áxil, intuitiva e práctica, accedendo á información que precisen.

A selección dos produtos dos que se terá información do prezo en orixe, obedece a aqueles produtos que teñen unha maior inserción e maior volume de produción no tecido produtivo galego, pero configúrase como unha selección dinámica que permite a incorporación de novos produtos que, valorada a súa incidencia, se considere oportuno a súa inclusión no Observatorio.

Áreas temáticas relacionadas