O monte en Galicia é fonte de numerosos bens directos, sendo a madeira o aproveitamento que presenta unha maior relevancia económica e social. En cifras do Anuario de estatística Forestal de Galicia en 2019 producíronse un total de 93.921 solicitudes de aproveitamento, cun volume total de 9,44 millóns m3 de madeira. Actualmente o Observatorio Forestal da Dirección xeral de Planificación e Ordenación Forestal permite dispor de información en tempo real dos aproveitamentos e volume dos mesmos, segundo formación específica e provincia.
A Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia crea, no seu artigo 102, o Rexistro de Empresas do Sector Forestal (RESFOR), no que se inscriben as cooperativas, as empresas e as industrias forestais, tanto das que realizan traballos forestais nos montes galegos como das industrias forestais con sede social na Comunidade Autónoma, incluíndo nestas as de serra, chapa, taboleiros, pasta, papel, biomasa forestal, pellets, cortiza, cogomelos, plantas aromáticas, pequenos froitos, castaña e as que fagan aproveitamento doutros recursos forestais, sendo a consellaría competente en materia de montes a responsable da levanza do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.
O directorio de empresas forestais que aquí se recolle sintetiza a relación de empresas inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia (RESFOR). A busca pode facerse por diferentes parámetros (provincia, concello, nome da empresa...) para acotar os resultados segundo desexe o usuario. O buscador ofrece nomeadamente os datos de contacto, o CIF, o número do RESFOR que lle foi asignado e a súa actividade principal, a través da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE) declarado pola empresa. Tamén permite ver sobre un mapa a localización da empresa seleccionada, pulsando na icona de localización ao carón do enderezo da empresa.
Cumpre destacar que os datos atópanse permanentemente actualizados, pois son as propias empresas na súa Comunicación Anual de Datos ao RESFOR as que poden modificalos. Esta Comunicación Anual de Datos é unha obriga recollida no devandito artigo 102 da Lei 7/2012, de montes de Galicia. No RESFOR atópanse rexistradas actualmente máis de 2.300 empresas repartidas en tres divisións:
- División I: industrias e actividades dedicadas ao aproveitamento e transformación dos recursos forestais tanto madeireiros como non madeireiros, as dedicadas á execución da xestión forestal e as que realizan traballos relacionados coa prevención e defensa dos montes contra os incendios forestais, as dedicadas á produción de material forestal de reprodución, as dedicadas á produción ou á aplicación de produtos fitosanitarios para o control de enfermidades e pragas forestais e/ou ao seu control biolóxico, e finalmente aquelas dedicadas a actividades no monte en calquera das súas vertentes.
- División II: aglutina ás empresas de servizos de enxeñaría, deseño, consultoría tecnolóxica e asistencia técnica directamente relacionados coas industrias e actividades indicadas no anterior parágrafo.
- División III: entidades ou axentes en materia de seguranza e calidade industrial, entidades de acreditación, organismos de control, laboratorios e outros axentes en materia de seguranza e calidade industrial.
A Consellería do Medio Rural agarda que esta ferramenta sirva para facilitar o contacto dos particulares coas empresas e tamén das empresas entre elas, aportando un grao de area máis a un sector fundamental na economía galega.