Comunicacións de queimas

De acordo co sinalado nos artigos 34 e 35 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, modificada pola Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, para realizar traballos en terreos agrícolas, terreos  forestais e zonas de influencia forestal nos que sexa imprescindible facer uso do lume, e sempre fóra da época de perigo alto de incendios,  será obrigatorio dispoñer da correspondente comunicación ou autorización de queima:

1. Restos amoreados

  • Queima de restos agrícolas amoreados: Comunicación de queima, que se realizará cunha antelación mínima de dous días
  • Queima de restos forestais amoreados: Autorización de queima.
    • A solicitude de autorización de queima presentarase cunha antelación mínima de sete días.

 2. Queimas controladas: Autorización de queima, que para a súa realización deberán contar coa presenza de persoal técnico autorizado para a xestión das queimas e con equipos de extinción de incendios.

  • A solicitude de autorización de queima presentarase cunha antelación mínima de sete días.

 

Os cidadáns que desexen realizar unha Comunicación de queima, poden chamar ao teléfono 012, ou ben acceder ao procedemento Comunicacións de queima de restos agrícolas amoreados.

Os cidadáns que desexen solicitar unha Autorización de queima, poden chamar ao teléfono 012.

Lexislación aplicable

  • A queima non se iniciará antes de saír o sol e quedará totalmente extinguida dúas horas antes do momento da súa posta.
  • Previamente ao seu inicio, farase unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa de polo menos cinco metros de largo, rodeando o perímetro que se vai queimar.
  • Non poderá iniciarse ningunha queima cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento. Así mesmo, se iniciados os traballos se producise a aparición de vento, suspenderase inmediatamente a operación procedendo a apagar o lume.
  • Non se abandonará a vixilancia da zona queimada, ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen dúas horas sen que se observen lapas ou brasas.
  • O Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais poderá suspender temporalmente as comunicacións de queima, se as condicións meteorolóxicas así o aconsellan.
  • A comunicación de queima non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos e perdas a que houbera lugar no caso de producirse un incendio forestal polo uso do lume cando concorra neglixencia ou imprudencia.
  • En toda queima autorizada deberase contar co persoal e co material suficiente para o seu debido control. Dado o elevado risco que supoñen este tipo de queimas para a seguridade e saúde do persoal que as leva a cabo, en ningún caso se poderán realizar individualmente, mesmo no caso de que a súa extensión sexa pequena e en principio se considere que o risco é mínimo.

Máis información

Áreas temáticas relacionadas